No pleno extraordinario solicitado polos socialistas de Oia co fin de tratar a situación sanitaria pola que atravesa o Concello, «a alcaldesa repasou a situación actual do funcionamento do Centro de Saúde recoñecendo as súas carencias sen aportar ningún tipo de solucións e sen realizar ningún tipo de autocrítica, achacando o mal funcionamento da Saúde Publica ao Goberno Central, obviando en todo momento que as competencias en materia de Sanidade correspóndenlle á Xunta de Galicia, criticando que o PSdeG de Oia alarmaba aos usuarios coa colocación de mesas informativas onde se recolleron 173 reclamacións de usuarios en 5 días. Igualmente estendéronse as súas críticas cara ós profesionais acusándollos de falta de vocación e dedicación; en definitiva, todos son culpables menos a Xunta e o Sergas», explican os socialistas.
O portavoz dos socialistas de Oia, Gerardo Rodriguez, realizou unha crítica «construtiva aportando solucións para os problemas que se detectan en dito Centro de Saúde como»:
- Baseándose no informe do Consello de Contas de Galicia de Sanidade Pública moi por debaixo de outras Comunidades autónomas semellantes.
- A temporalidade nas contratacións está disparada nun 44% en atención especializada, nun 28% en atención primaria e un 60% de médicos/as con MIR non quedan en Galicia dada as precarias condicións laborais. Se esta situación non se remedia o seguinte paso é o peche dos Centros de Saúde y a concentración de médicos nos PAC como xa acontece co servizo de Pediatría en Oia, que, ao día de hoxe os usuarios do mesmo se teñen que desprazar á Guarda.
- A solución pasa por aumentar a inversión en Sanidade Pública, acabar coa precariedade laboral, corrixir o modelo actual de contratación do persoal sanitario, abandonar a temporalidade e substitucións para apostar polas prazas estables e fixas.
