O Partido Popular de Tomiño esixe ao Goberno local que adopte de maneira urxente unha decisión respecto á xestión da Depuradora de Augas Residuais e da rede de saneamento municipais. O voceiro popular, Esteban González Miranda, recorda que Tomiño ten o privilexio de ser un dos poucos concellos galegos nos que a Xunta de Galicia asume desde o ano 2005 a explotación da depuradora municipal, «unha competencia estritamente local e, polo tanto, supón unha importante axuda para Tomiño desde o punto de vista técnico, administrativo e, sobre todo, económico, xa que lle permite aforrar 700.000 euros anuais«, explica.

A pesar desta colaboración, advirte o popular, o Goberno local “amosa unha actitude totalmente irresponsable, desinteresada e despreocupada”, que pode poñer en risco a súa continuidade. Por iso, urxe á alcaldesa, Sandra González, que tome unha decisión urxente e comunique á Augas de Galicia que opción elixe das tres posibilidades que lle ofrecen para renovar este convenio, «e pola que levamos esperando ano e medio».

González Miranda recorda que é tan relevante contar con infraestruturas como asegurar o seu bo funcionamento. «De pouco serve investir varios millóns de euros na construción dunha depuradora se despois non se xestiona de xeito eficaz porque, por exemplo, non se discrimina a entrada de auga de chuvia, como sucede no caso de Tomiño, xa que a Edar recibe unha infiltración de augas brancas e uns aportes de augas pluviais significativos, sen que por parte do concello haxa ningún tipo de iniciativa para corrixir as deficiencias da súa rede municipal”.

Entre as tres opcións que Augas de Galicia plantexa, sinalan desde o PP, inclúese unha primeira alternativa que posibilita dar continuidade á situación actual, pola que a Xunta de Galicia seguiría a xestionar a depuradora municipal e, neste caso, o Concello do Tomiño «tería que cumprir coas súas competencias e asumir o custo do deficiente funcionamento das redes municipais de saneamento. Unha segunda alternativa é que o Concello reduza as entradas de augas brancas nas redes de saneamento, co fin de que non haxa unhas cargas contaminantes superiores ás asumibles pola depuradora e que consistiría en realizar intervencións que urxen e que son necesarias para garantir un adecuado funcionamento da rede de colectores«, indica o voceiro popular.

E a última opción, di, «é que o Concello de Tomiño asuma a xestión da depuradora municipal, e asuma as súas competencias en base á lexislación básica de réxime local». Desde o PP consideran que a primeira opción é a mellor para Tomiño, porque permite continuar aforrando o gasto de xestión e, ao mesmo tempo, o concello garante o bo funcionamento da rede de saneamento municipal. “Resulta complicado xestionar unha instalación de depuración cando o concello non se preocupa de que as súas redes de saneamento teñan o mantemento correcto”.

Por outra banda o portavoz popular, Esteban González, cualifica de sen sentido a moción presentada polo BNG no pleno deste luns sobre o Anteproxecto de Lei de Mellora da Xestión do Ciclo da Auga; «mostrando uns argumentos completamente falsos co único fin de non responsabilizarse das obrigas do goberno municipal». “É falso que a Xunta derive nos concellos as súas obrigas e competencias en materia de auga porque a Xunta non ten esas competencias. É mentira que o anteproxecto de Lei leve aparellada a creación de taxas nin un incremento das tarifas como xa recoñeceu a FEGAMP. É mentira que sexa una decisión unilateral da Xunta porque a adhesión a este novo modelo de xestión é voluntario para os concellos”.

O popular insiste en que “non parece de recibo que o Goberno local só reciba e se despreocupe de todo o que implica a xestión do seu sistema. Esta ineficacia ten consecuencias para a poboación, xa que é un servizo básico que afecta á calidade de vida dos veciños e mesmo á súa saúde. Pero tamén ten consecuencias para o medio ambiente e para actividades económicas como o turismo ou a pesca”, afirma Esteban González, quen esixe «ao goberno municipal do BNG e a alcaldesa, Sandra González, que dedique nos Orzamentos do ano 2022 a partida necesaria para levar a diante as melloras urxentes na rede de saneamento actual, invertendo o diñeiro dos tomiñeses no que realmente é necesario«, finaliza.