O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Luis López, percorreu esta mañá, xunto ao candidato á alcaldía, Roberto Carrero, o centro da Guarda para poñer en valor “o proxecto serio, o gran equipo e o traballo duro feito polos populares nos últimos catro anos, que representa á inmensa maioría social do concello”.

López destacou que o PP ofrece “un goberno serio e unido desde o primeiro día”, fronte a gobernos como o actual, “que é un mal goberno, cunha xestión deficiente, que perde oportunidades, que non atrae investimentos e non aporta as solucións que merecen os veciños”. Por iso, dixo que “a estas alturas é evidente que Roberto Carrero e o PP da Guarda son os únicos que poden cambiar o rumbo deste concello con ideas e proxectos ambiciosos fronte á falta de ideas e inacción do PSOE e a protesta e as promesas incumpridas do seu socio Anxo Baz e o BNG”.

Recordou que só será posible cunha maioría absoluta dos populares. “En 2019, malia gañar as eleccións, Roberto Carrero non puido ser alcalde. Necesita un apoio contundente e a maioría absoluta para poder alcanzar o Goberno local e corrixir o errático rumbo deste concello”.

Por último, criticou que o PSOE, que é o partido que actualmente ostenta a alcaldía da Guarda, “é nefasto para Galicia. É un partido que ten as súas preferencias noutros territorios de España, que non lle dá a Galicia nin sequera o que lle corresponde e que nos maltrata sistemática e inxustamente”. Por iso, di que resulta incomprensible “que os alcaldes socialistas, tamén o da Guarda, sexan cómplices desta lesleixo do Goberno central coa nosa comunidade, porque calan e outorgan, porque agochan a cabeza contra este maltrato e porque nunca defenden ao seu concello por riba da súas siglas”.

Pola súa banda, o candidato á alcaldía dixo que “o PP é a única alternativa seria e real de cambio para A Guarda, somos os únicos que podemos cambiar a inacción dos socialistas e a crítica sen sentido dos seus socios nacionalistas”. Nesta liña, apuntou que na rúa xa se perciben gañas de cambio: “con independencia das ideas políticas de cada un, o que nos une é moito máis forte. Queremos un proxecto ilusionante, real e efectivo para A Guarda”.