Anxo Baz

Ante a incerteza de todo canto está a acontecer no tocante a limpeza das praias, o BNG urxe sumar esforzos, coordinar e formar o voluntariado, pero sobre todo esixir o compromiso real das administracións competentes na materia «que a día de hoxe non existe».

Anxo Baz, portavoz municipal do BNG manifestou que “temos que estar preparados ante unha  previsibel afectación da costa da Guarda. Cumpre elaborar un plan de continxencia e adiantarse na medida do posíbel aos acontecementos. A experiencia dos concellos onde goberna o BNG dinos que estes plans non están contando ca axuda dun goberno da Xunta desaparecido, dedicado máis ben á batalla electoralista co goberno do Estado que a solucionar o problema que estamos a vivir no mar. Toca limpar, traballar e facelo ben, e ata hoxe os concellos onde ten chegado a vertedura están totalmente sós”.

Ao nacionalista preocúpalle a posición do goberno galego, «máis pendente da precampaña electoral que de atallar as graves consecuencias que pode deixar no sector pesqueiro e no medio ambiente esta vertedura» e matiza que “non é de recibo que a Xunta derive a responsabilidade da limpeza das praias aos concellos, como si se tratara dunha simple  posta a punto das praias na tempada estival”.

Anxo Baz concluíu dicindo que “a sociedade guardesa ten dereito a saber si o goberno local está dando algún paso ou simplemente está de brazos cruzados agardando a que os pellets invadan a nosa costa. Si ten algún dispositivo preparado e en que consiste. Si contamos cos materiais para a limpeza de praias necesario. Si a Xunta de Galiza despregou nesta comarca algún efectivo. En resumo, o BNG esixe un plan que permita abordar con eficacia a posíbel chegada dos pellets a costa guardesa”.