O BNG denuncia represalias do goberno de Paco Ferreira en resposta á campaña a prol da seguranza viaria e da mellora da mobilidade que a organización nacionalista está a desenvolver no concello.

A campaña posta en marcha polo BNG denuncia os problemas de inseguridade peonil en Gondomar, sinalando e apelando ás administracións titulares das vías de comunicación implicadas, Xunta, Deputación ou Concello, «para que asuman as súas competencias, atendan as demandas veciñais e poñan a seguridade das persoas como prioridade«.

A campaña posta en marcha polo Bloque en Gondomar, «amplamente apoiada pola veciñanza, vén de ser denunciada polo goberno local do PSOE, máis preocupado por silenciar as reivindicacións veciñais que por solucionar os problemas que padecen as parroquias«, sinalan os nacionalistas.

Para a voceira nacionalista Manuela Rodríguez, resulta “lamentable que o goberno Ferreira dedique tempo e recursos a perseguir a quen denuncia o problema, no canto de procurar solucións, propias ou doutras administracións«, ás situación de risco diario para as persoas que se desprazan a pé, «falla de beiravías, beirarrúas inacabadas, cunetas perigosas, pasos de peóns deficientes ou inexistentes e puntos negros que levan anos sen intervención».

A apertura dun expediente sancionador por parte do Concello obrigou ao BNG a retirar a cartelaría colocada en diversos puntos de estradas de Borreiros, Couso, Chaín, Morgadáns, Peitieiros, Vilaza e Vincios. Para Rodríguez está claro que, «coa escusa dunha ordenanza municipal, Ferreira utiliza sanción como ferramenta de represalia política contra o BNG, nun intento evidente de nos silenciar”.

Desde o Bloque alertan ao conxunto do movemento social, asiduos usuarios dos soportes urbanos como base da libre expresión, «do perigo futuro de recibir sancións municipais que poden acadar até os 750€. Especialmente preocupante para as entidades culturais, veciñais e deportivas do concello, dado que en Gondomar non existen espazos públicos municipais habilitados para a colocación de anuncio dos seus eventos, un déficit reiteradamente sinalado polo BNG ao que o goberno local non dá alternativa ningunha».

Porén, desde a organización nacionalista trasladan que “non pense Ferreira que nos vai calar, o BNG atopará outras formas de expresión” para desenvolver campañas, como esta a prol dunha mobilidade segura en todas as parroquias de Gondomar, «e seguirá a esixir dos gobernos municipal, provincial e galego a asunción das súas competencias e responsabilidades».