O Arquivo Histórico e Biblioteca de Baiona celebrarán o sábado 16 de maio ás 18:00 horas, o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora Begoña Caamaño, cunha actividade especial dirixida ao público infantil baixo o título “A gran viaxe das Letras Galegas”, a cargo de A Xanela do Maxín.
A proposta, pensada para nenos de entre 3 e 9 anos, terá unha duración aproximada de 40 minutos. A entrada será de balde ata completar aforo. Os nenos deberán estar acompañados por pai, nai ou titor/a legal.
O acto ofrecerá ao público unha experiencia chea de maxia, emoción e descubrimento arredor da historia, da lingua e da homenaxeada de este ano das letras galegas Begoña Caamaño, unha das voces máis destacadas da literatura galega contemporánea.
Escritora e xornalista comprometida coa lingua, igualdade e cultura galega, Caamaño destacou pola súa capacidade para revisitar os mitos e os relatos clásicos desde unha mirada moderna e feminista. Obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle convertérona nun referente literario pola súa sensibilidade narrativa e pola defensa dunha literatura galega aberta, crítica e comprometida coa sociedade.
“A gran viaxe das Letras Galegas” convida ás familias a embarcarse nun percorrido fascinante a través das palabras, os sons e as lembranzas que forman parte da memoria colectiva de Galicia. Ao longo do espectáculo, o público realizará unha travesía por distintas épocas e polas figuras de autoras e autores homenaxeados ao longo da historia das Letras Galegas, descubrindo o valor transformador da literatura e do teatro na nosa cultura.

