A ampliación do Cemiterio de Camos realizada hai 30 anos é xa definivamente legal despois de permanecer este tempo sen regularizar. O alcalde de Nigrán, Juan González, asinou o 13 de agosto a resolución tras recibir o visto bo definitivo da Consellería de Sanidade despois dun ano de trámites para adaptalo á Lei de Sanidade Mortuoria de Galicia. Esta resolución será publicada próximamente no BOP.
O camposanto, non municipal, estaba operativo pero sen ter os permisos necesarios, polo que a petición da propia presidenta da comunidade de propietarios, Alcira dos Santos, o Concello tomou a iniciativa de mediar coa Xunta para solventar este asunto. Esta legalización súmase á obtida en febreiro deste ano do Novo Cemiterio de Priegue e no ano 2016 do Cemiterio de Nigrán e Parada, estos dous últimos municipais e que arrastraban o mesmo problema.
Tal e como recolle a resolución, a regularización foi posible despois de que o Concello actuase de conformidade co previsto na Disposición Adicional Primeira do Decreto 151/2014 do 20 de novembro de sanidade mortuoria de Galicia no que se establece un procedemento extraordinario para regularizar cemiterios sen autorización sanitaria. Neste sentido, a Consellería de Sanidade comunicou o pasado 9 de agosto (despois de revisar a documentación e inspeccionar o camposanto) que non existían obxeccións dende o punto de vista sanitario; previamente, o 30 de maio, a Xefatura Territorial de Cultura e Turismo tamén o autorizou a través de Patrimonio, dándose así por finalizados os trámites.