A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807”, ante as afirmacións do goberno municipal de Nigrán de que vai aprobar provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o próximo 1 de xullo, «con esta decisión de aprobar un documento tan importante para o desenvolvemento urbanístico do municipio nun escaso período de tempo«, considera que «non se corresponde cun equipo de goberno que practique a transparencia e a participación das entidades veciñais antes de levalo ao pleno municipal».
De feito,-din- «este alcalde utilizou o Consello Sectorial só para anunciar o que xa tiña decidido aprobar, pero non para a participación cidadá na elaboración de propostas como correspondería a un órgano deste tipo».
Esta Asociación veciñal esixe unha «maior transparencia e participación cidadá e pide que a posible aprobación se leve a pleno despois do verán e se poña o documento canto antes na páxina web do Concello e non esperar a facelo pouco antes do pleno, ademais de entregar de inmediato unha copia física do documento as asociacións veciñais para a súa valoración».
Na opinión desta Asociación, «necesítase como mínimo tres meses para analizar debidamente o resultado final deste plan urbanístico, mais aínda si se ten en consideración que o documento da aprobación inicial é totalmente diferente ao que se pretende aprobar agora e haberá que comprobar que o equipo redactor e os técnicos municipais incorporaron todas as correccións, tanto das alegacións ao documento de aprobación inicial como ao borrador do documento exposto polas parroquias no ano 2023 e no que se observaron numerosos erros».
