A Asociación Chandebrito 1807 quere por en valor a Fraga e Muíño de Rodas
Chandebrito 1807

No dia de onte, a Agrupación Chandebrito 1807 presentou no Concello de Nigrán o proxecto -redactado hai uns meses por un técnico superior en educación ambiental- sobre a posta en valor da Fraga e Muíño de Rodas, en Chandebrito, xunto coa solicitude de colaboración para executar esta interesante actuación.

Próximamente a dirección do colectivo prevé reunirse con responsables do Goberno municipal para concretar detalles sobre este asunto. “Agardamos obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste Goberno para o mandato 2015-2019″, apuntan dende a Asociación.

Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, donde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o Muíño de Rodas de Arriba, foron construidos a principios do século XVIII.