GOOGLE

O Bloque Nacionalista Galego, BNG, presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando, a limpeza dos camiños da canteira no Barrio da Cruzada.

Os dous camiños que unen a Rúa de Caetano con a zona de Santa Catalina foron tradicionalmente, e seguen sendo, dous importantes accesos usados habitualmente polos veciños do barrio da Cruzada para acceder á beira do mar.

Coa chegada do bo tempo increméntase o uso destes camiños pois son moitas as persoas que a través deles acceden ao porto, á senda litoral e á zonas de baño ou lecer que hai nas rochas, así como ao conxunto etnográfico que conforman a ruta das cetáreas.

Pero nesta altura do ano a abundancia e grande tamaño da vexetación dificulta seriamente o tránsito polo camiño da banda do norte. Ante o malestar expresado un ano mais por varios veciños, o portavoz municipal do BNG, Anxo Baz volveu a constatar en pleno mes de xullo o estado deste acceso indicando -“Digo o mesmo que dixen no 2015, 2016 e no 2017: esta situación que se repite cada verán é sounha mostra máis do desleixo e falta de sensibilidade do goberno municipal para co barrio da Cruzada, non entendemos por que o goberno municipal do PSOE castiga deste xeito a este barrio. A limpeza desta zona xa tiña que estar prevista con antelación”.

Moción brigada de limpeza

O BNG anuncia que ante as queixas e as evidencias sobre a falta de mantemento e limpeza de diferentes lugares do concello da Guarda, vai presentar unha moción solicitando a posta en marcha dunha “brigada de limpeza” que actúe en todo o concello ao longo do ano. Para elo o grupo de Goberno deberá utilizar todas as posibilidades ao seu alcance, tanto con fondos propios como as axudas e programas doutras administracións.