Vía Galega

A Asociación Cultural Centáurea únese á campaña de VÍA GALEGA destinada a divulgar os nosos símbolos. Os actos previstos culminan este sábado 23 de novembro co izado da bandeira galega en lugares significativos ao longo de todo o país. No Val Miñor ese lugar vai ser no paseo da Ramallosa as 12:00 horas, sendo a Asociación Cultural Centáurea a entidade que o organizará.

«Este acto de divulgación dos nosos símbolos coincide co aniversario do desenvolvemento, en novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala», sinalan.

Numerosos concellos van colaborar na campaña, fixando e izando unha bandeira galega no seu municipio. O acto, que contará con acompañamento musical, iniciarase co izado da bandeira, para seguir coa lectura do manifesto de Vía Galega e o recitado de poemas referidos á nosa bandeira de Marica Campo, Manuel María, Ramón Cabanillas e Pousa Antelo.