A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG) ven de coñecer, a través do Diario Oficial de Galicia, a publicación no día de hoxe do Anteproxecto do Plan de Transporte Público da Xunta de Galiza para a comarca do Baixo Miño e a zona sur da Comarca de Vigo, onde se encadra o noso concello, así como o conxunto do Val Miñor, e que deberá entrar en vigor en xaneiro de 2020.

A Portavoz da AVTG, Manuela Rodríguez, lamenta que “a Xunta saque este documento á exposición pública en pleno verán, cando moita xente está de vacacións, e que o prazo de exposición pública sexa de escasos 20 días hábiles”. 

Manifesta tamén que “a pesar do breve espazo de tempo, a AVTG, tal como ten manifestado reiteradamente, comprométese a analizar polo miudo o anteproxecto e os seus anexos co fin de detectar todas as eivas, insuficiencias e/ou aspectos e servizos non contemplados. Un estudo que nos permita redactar as alegacións pertinentes para a mellora real do transporte público colectivo para o concello de Gondomar”.

Esas alegacións serán o froito dunha posta en común coas persoas usuarias que se fará nas vindeiras semanas a través de reunións de convocatoria aberta por parte da Asemblea do Transporte, ás que tamén serán convocadas asociacións e colectivos de todo o concello. Desde a AVTG contactarase tamén con colectivos do resto dos concellos do Val Miñor e do Baixo Miño, xa que o plan da Xunta abrangue a toda a zona, ademais dos concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.

Desde a AVTG “facemos chamamento á participación a toda a veciñanza nas asembleas abertas que serán convocadas en breve polos medios de costume”.