Este mércores chegou “A maxia dos contos” á biblioteca do Rosal. Con estas actividades enmarcadas dentro do programa “Ler conta moito” preténdese fomentar e dinamizar a lectura entre os diversos colectivos.

Con “A maxia dos contos”, os máis cativos tiveron a oportunidade de experimentar as sorpresas que se agochan dentro dos libros, de ser os protagonistas das historias escritas nas súas páxinas e mesmo de escribir coa forza das súas mentes un conto sobre animais.

Foi unha actividade máxica na que os personaxes dos contos cobraron vida a través de monicreques e na que os asistentes riron, crearon, cantaron e ata se mergullaron nas historias que se contaron.