Leticia Gallego Sanromán, Luís Manuel Álvarez Martínez, Noa Díaz Varela e Noelia Otero Lago, deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión 4.ª, Educación e Cultura.

Hai máis de quince anos a Xunta de Galicia pechou a Escola Balinfra, que estaba situada na parroquia de Camos no Concello de Nigrán.

O edificio foi construído hai máis dun século para fogar dos profesores e consta dunha construción 339 metros cadrados divididos en dúas vivendas encostadas. Cada unha destas dúas casas ten 80 metros cadrados de planta, dúas plantas e un xardín, nunha parcela de 2.789 metros cadrados. Así mesmo, a escola infantil á que estaba vinculada xa non cumpre esta función e por este motivo o anterior goberno socialista solicitara en 2010 á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a desafectación do seu uso docente, concedéndose o 15 de marzo de 2015 e permitindo así ás escolas servir para albergar a asociación cultural VaiMillor ou ao grupo de pandereteiras da Asociación Cultural A Camoesa.

O concello solicitou a reversión dos edificios e conseguiu facerse coas aulas, que agora albergan actividades veciñais e culturais, e unha das dúas casas do complexo, que foi reformada cun dobre obxectivo: albergar os programas de respiro familiar do centro de atención á diversidade funcional Juan María e poder trasladar en caso de emerxencia a veciños que ocasionalmente quedan sen fogar.

O Goberno municipal de Nigrán solicitou que a única vivenda pública que queda neste concello da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, reservada para vivenda de profesores, sexa cedida a Administración local para darlle un uso social, como todas as demais do municipio que no seu día foron fogar dos profesores das antigas unidades e que hoxe albergan todo tipo actividades veciñais, recreativas, culturais e incluso terapéuticas.

O Concello de Nigrán a día de hoxe está en condicións de documentar ante a Xunta de Galicia que a casa está sen uso porque o seu consumo eléctrico segue practicamente inalterado, as persianas baixadas, a finca está en estado de crecente abandono e o peche perimetral derrubado, o que contradí as reiteradas respostas da Administración autonómica afirmando que está ocupada.

O Goberno municipal tomou a iniciativa de acreditalo documentalmente desde novembro de 2020 á actualidade para tratar de desbloquear esta situación que prexudica ao municipio e indigna á veciñanza.

O pasado mes de marzo o Concello de Nigrán reclamou oficialmente á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a desafectación da casa dos mestres da escola unitaria de Camos.

Entendemos que se dan as previsións establecidas no artigo 6 do Decreto 250/1988, do 21 de xullo, polo que se regula o dereito a casa-habitación destinada a profesores de Educación Xeral Básica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que establece que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a petición dos Concellos, poderá declarar a desafectación das vivendas cando estas non sexan necesarias para o que foron afectadas e sempre que no dito edificio non funcione unidade ou unidades escolares e que de igual maneira poderán desafectarse aquelas vivendas que excedan do cadro de persoal dos mestres da localidade en función das necesidades de escolarización.

Por todo o exposto, as deputadas e o deputado que asinan formulan a seguinte pregunta para o seu debate en Comisión:

¿Vai a proceder a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a desafectar, conforme á petición do Concello de Nigrán, a única vivenda dos mestres pendente, para que deste xeito a Administración municipal poda darlle un uso social?