Nun comunicado de prensa remitido os medios esta mañá, a CIG desmente as acusacións do sindicato CUT sobre o GES do Val Miñor.
En relación ao comunicado feito público polo sindicato CUT o pasado 23 de outubro, no que se realizan unha serie de acusacións graves tanto contra os condutores de motobomba do GES do Val Miñor como contra a delegada sindical deste servizo, dende a CIG queremos deixar moi claro o seguinte:
As afirmacións da sección sindical da CUT no GES do Val Miñor son absolutamente falsas, polo que obviamente foron realizadas sen aportar datos nin documentación que as acredite. A delegada sindical da CIG sempre informa do contido e dos acordos que se adoptan nas mesas de negociación, ao contrario do que aseguran dende a CUT.
As acusacións verquidas pola CUT atentan contra a dignidade e poñen en dúbida a profesionalidade dos traballadores/as deste servizo. Dende a CUT falan incluso de coaccións, pero en ningún momento presentaron denuncias ou reclamacións como o faría calquera traballador/a que fose coaccionado por un superior.
Ante a gravidade dos feitos que se imputan, até o punto de que algúns deles poden ser constitutivos dun delito, dende a CIG esiximos unha rectificación pública por parte da CUT, xa que do contrario tomaremos as medidas legais oportunas.
Con este tipo de comunicados o único que consegue a sección sindical da CUT é atacar e faltarlle ao respecto aos seus propios/as compañeiros/as, polo que supoñemos que con este sindicalismo de terra queimada só pretenden tirar réditos electorais utilizando como argumentos a mentira e a difamación.