A Eurocidade Cerveira Tomiño, quenta motores xa para a celebración das II Xornadas Amizade que terán lugar mañá ao longo de todo o día no Auditorio do CAE (Centro de Apoio ás Empresas de Cerveira), e que servirán para e reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza, e realizar un balance dos resultados acadados na “Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño”, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).

O foro contará con numerosas autoridades a nivel local, autonómico e estatal, entre as que se atopan a Comisaria Europea de Cohesión, Elisa Ferreira, a ministra de Coesão Territorial do Governo Português, Ana Abrunosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que participará por videoconferencia, igual que a comisaria. Todos eles participarán no debate “Europa sen fronteiras: O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo» (16.00 h. portuguesa), moderado por Fátima Campos Ferreira, xornalista RTP e Xabier Fortes, xornalista RTVE, e no que tamén estarán o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Por parte galega, está confirmada a asistencia, entre outros, do deputado de Mobilidade Transfronteiriza na Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez,; dos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia, do Reitor da Universidade de Vigo, de alcaldes e alcaldesas da zona e de diferentes organizacións empresarias e asociacións cívicas.

Debido ao contexto de pandemia Covid-19, e co fin de cumprir con todas as medidas de seguridade, só poden asistir presencialmente á sesión da tarde, que empezará ás 14.15h (hora portuguesa), aquelas persoas e medios de comunicación acreditados previamente.

Todas as persoas que o desexen poderán asistir por streaming a través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Programa completo de actividades.