A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, será a encargada de inaugurar, o vindeiro sábado, ás 12:30 horas, xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a nova avenida de Tomiño que rodeará o Seixo; unha infraestrutura que acadou o acordo das tres administracións, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, co obxectivo de retirar o tráfico de paso do núcleo da vila, permitir un desenvolvemento ordenado do municipio e a súa conectividade cunha maior calidade urbana para a veciñanza. 

Para facer a obra asinouse un convenio a tres bandas en agosto do pasado ano, que permitiu dar os pasos formais para poder chegar ás obras, cun orzamento de 3.545.623,60 euros, que se repartiron en 2.351.163,26 euros aportados pola Deputación provincial, 261.240,36 euros polo Concello de Tomiño, e 933.219,98 euros pola Xunta de Galicia en concepto de expropiacións, a dividir en diferentes anualidades.

O acto será xunto nunha das novas rotondas, concretamente a da Avenida Gondomar, no cruce da estrada provincial e a autonómica, á altura da Pastelería Flor e Nata.