O acceso á vivenda constitúe xa un dos «máis graves problemas do concello de Nigrán». O continuo encarecemento do prezo dos inmóbeis, así como o dos alugueiros, fai que os gastos relativos á vivenda ascendesen xa no ano 2021 a 654,1 euros mensuais, un dos máis altos de Galicia, por riba de cidades como Vigo (628,5) ou Pontevedra (603,9), segundo os datos do Índice de Alquiler de Vivienda, do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana.
Segundo os nacionalistas «esta é unha situación que non resolven nin a lei 12/2023, polo dereito á vivenda, aprobada polo Estado e que contempla a posibilidade de declaración de zonas tensionadas, nin a Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia, adoptada recentemente pola Xunta».
Os parámetros que utiliza a lei estatal están claramente enfocados as grandes metrópoles e distorsionan completamente a realidade de outros lugares con menor poboación pero con igual ou maior problema de acceso á vivenda como son as zonas turísticas e costeiras como é Nigrán.
No caso da estratexia da Xunta de Galicia porque utiliza como criterio un instrumento, o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, que non mide en absoluto as dificultades de acceso á vivenda nun lugar determinado, senón que apenas reflicte a esperanza de que se habiliten vivendas con algún tipo de protección nunha concreta poboación, «expectativa que no caso de Nigrán é nula«, sinalan.
«Se os salarios galegos no seu conxunto non teñen grandes diferencias territoriais, o que verdadeiramente marca as dificultades de acceso a unha vivenda son os gastos asociados a ela en termos absolutos, e é aí onde Nigrán se sitúa entre os concellos con maior custe, amosando a dimensión do problema para as clases traballadoras da nosa localidade», afirman dende o BNG.
Por iso o Pleno do concello, de xeito unánime, adopta a proposición do BNG, «para que o alcalde se dirixa á Consellería de Vivenda co obxectivo de acadar que Nigrán sexa incorporado a súa Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida en Galicia».
Plan Estratéxico de Subvencións
Na mesma sesión plenaria o goberno municipal aprobou en solitario o seu Plan Estratéxico de Subvencións (PES), do que desaparece a liña de subvencións ás Comunidades de Augas, así como o mantemento dun alto grao de discrecionalidade para a concesión de subvencións nominativas. Isto motivou a abstención do BNG neste punto.
Igualmente, o portavoz municipal, Xavier Rodríguez, criticou que no mes de outubro aínda non saíra a convocatoria das actividades deportivas, culturais e veciñais deste ano 2024. «Isto provoca que haxa asociacións ou clubs que non poden programar algunhas actividades porque dependen da concesión da subvención para poder levalas a cabo, dificultando enormemente a súa realización e xustificación«, apunta.
O BNG insta a que as convocatorias estean resoltas no primeiro cuadrimestre do ano, para facilitar a planificación e execución das distintas actividades a desenvolver.