A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 950.000 euros para que 5 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 24 persoas ao abeiro da liña 1 de investimentos e da liña 3 de activación de emprego do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, A Estrada, Mondariz, Barro e Cambados.
Así, a Deputación destinará a Baiona 327.000 euros dos recursos provinciais aprobados nesta Xunta de Goberno: 246.000 € do +Provincia e 81.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Provinciais, cos que o concello poderá sufragar o 100% da reforma do campo de fútbol do Aral.
Trátase dunha instalación deportiva que leva 20 anos aberta e precisa reparar os elementos deteriorados, ademais de adaptala ás necesidades dos seus usuarios. En concreto, reformaranse os vestiarios para xerar catro accesibles, así como renovarase a fontanería e o saneamento. Ademais, repararase a cuberta da grada norte e instalarase unha viseira para reducir os cegamentos e o impactos do vento, ademais de crearse unha cuberta na grada sur. Finalmente, mellorarase a iluminación pasando de catro a oito luminarias e se substituirá o peche perimetral actual.