Javier Cámara e Mónica López, na rodaxe de Rapa

O Festival de Cans arranca os chimpíns este xoves, coa apertura oficial da XIX edición do certame. Por primeira vez, este ano o título escollido para dar o disparo de saída é unha serie, Rapa, a nova creación do equipo da exitosa Hierro, con Jorge Coira e Elena Trapé na dirección.

A retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo, a proxección do primeiro documental de Javier Tolentino, que realizará un programa de radio desde o Torreiro, as presentacións de libros do espazo LendoCine, a Noite Lasal dos Videoclips ou o concerto de Sila Lua son algunhas das propostas para a terceira xornada do festival, na que tamén se presentará o proxecto Lingua rodada dos Cans do Futuro coa participación do coñecido actor Rubén Riós.

A estrea do primeiro capítulo da serie Rapa, en simultáneo na plataforma Movistar +, terá lugar ás 20.30 h no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Alí acudirá en chimpín unha ampla representación do reparto deste thriller, rodado na serra da Capelada, coa coprotagonista Mónica López á cabeza. Ademais de Mabel Rivera, Lucía Veiga, Eva Fernández, Santi Prego e Ricardo de Barreiro, estará tamén o seu creador e guionista, Pepe Coira, e a directora de produción de Portocabo, Ana Míguez. Ao remate da proxección, con entrada libre ata completar cabida, participarán nun coloquio co público asistente.

Nesta terceira xornada da semana grande, o Festival de Cans inclúe tamén na súa programación a primeira parte de Sinais furtivos, unha retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo. A cineasta, que este ano recibe o Premio Pedigree, estará o venres en Cans no segundo pase dos dez filmes desta compilación, algúns deles inéditos e esparexidos por varios arquivos e que o Festival de Cans rescata a modo de traxectoria vital da directora.