Aexposición fotográfica «Sorrisos transformadores», do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans ARELAS, pode visitarse desde hoxe e até o día 15 no Mercado Municipal de Tomiño.
Baixo o lema “Respecta-Defende-Sensibiliza-Iguala-Vive-E deixa vivir”, a mostra procura fomentar a visibilización do colectivo LGTBI dun xeito positivo, así como sensibilizar e naturalizar o colectivo trans e as súas familias co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.
«Sorrisos transformadores» é unha exposición fotográfica composta por dez imaxes de Noemí Chantada; retratos de persoas alegres, orgullosas, que mostran unha parcela da súa vida que lles gusta e van acompañadas, cada unha delas, dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna.
Deste xeito, a actividade constitúe un camiño para prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e tamén combater o acoso escolar por estes dous motivos.