Este marte, 17 de maio, conmemórase o Día das Letras Galegas, xornada en torno á cal en toda Galicia se acumulan os eventos para render tributo á nosa literatura e a nosa lingua.
A Real Academia da Lingua escolle cada ano unha figura senlleira da nosa literatura co fin de fomentar e divulgar a súa obra e a aportación á nosa cultura. A Guarda quere sumarse a esta celebración de homenaxe á nosa lingua e divulgación da obra de Manuel María, e por iso programou diferentes actividades neste eido.
Na xornada de mañá, festivo en toda a comunidade galega, a Agrupación Cultural Guardesa encabezará os actos de homenaxe a este día co habitual Festival no que se fai entrega dos agasallos ós premiados no seu certame de debuxo e narración
O día 18, volven a ser os nenos os protagonistas da xornada, xa que os alumnos dos diferentes colexios da Guarda desfrutarán no Auditorio de San Bieito dun espectáculo de animación galego senegalesa, con demostración de danza africana e cancións tanto galegas como africanas, fusionando así as dúas culturas, a cargo do grupo “Mbolo mooye doolé”.
Homenaxe a Manuel María:
E finalmente, o domingo 22 de maio, será a Feira do Libro, onde poderán mercarse os libros con desconto, facer intercambio de libros e desfrutar cos diferentes eventos asociados á mesma. No transcurso da Feira, o actor Fran Rei animará a mañán con Os contos de Barriga Verde, baseado nos textos de Manuel María Barriga Verde, Os Soños na Gaiola y Aventuras e Desventuras dunha Espiña de toxo chamada Berenguela, representando a poesía, o teatro e a prosa do autor.