O vindeiro domingo, 1 de setembro, a Alameda da Guarda acolle a cuarta edición da Festa Castrexa, un evento no que se mistura a gastronomía coa exaltación das raíces castrexas da vila da Guarda, contando con moita animación e actividades paralelas ao longo do día.
A Festa Castrexa arranca ás 11:00 horas con música, obradoiros relacionados coa cultura castrexa, apertura da Feira de Artesanía e saída dunha Andaina de dificultade baixa na que se visitará o Castelo de Santa Cruz e diferentes espazos do casco urbano da Guarda, como a Igrexa Parroquial ou a Praza do Reló. Nesta andaina visitaranse tamén as exposicións de maquetas de Praxíteles González e Ramón González, amosando boa parte da arquitectura da comarca do Baixo Miño.
A partires das 13:00 horas realizarase un xantar no que se contará cunha oferta gastronómica na que se inclúen churrasco, polbo, carne ó caldeiro, empanadas, mexillóns, chourizos e sobremesas. Amenizarán o xantar as actuacións en directo dos grupos Do Lusco ó Fusco, Tralo Mosteiro ou A Boalleira.
Ás 15:30 horas terá lugar unha exhibición de talla e escultura con motoserra, así como o inicio dos xogos populares para nenos. Xa para rematar, ás 18:00 horas realizarase un concerto Folk.