A exposición ‘ As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia’, que repasa o papel de xornalistas e escritoras galegas na loita pola igualdade e a modenización social, foi inaugurada este martes no C. P.I. Cova Terreña.

A Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, foi a encargada de inaugurar a mostra, xunto co Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, e a Directora do centro escolar, Isabel Martínez Cabaleiro.

A exposición achega ao público “de maneira visual e didáctica” a traxectoria de comunicadoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia.

“Esta exposición é un recoñecemento merecido ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre homes e mulleres, unha loita para a que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, a súa voz e na súa capacidade de comunicar”, destacou a secretaria xeral.

Pola súa banda, a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, apuntou ademais que agora se pon o foco en “mulleres que durante moito tempo estiveron silenciadas e invisibilizadas” e remarcou o simbolismo de facelo en lugares como os centros escolares “espazos abertos ao público e lugares de encontro entre mozos, onde a loita pola igualdade das homenaxeadas viaxa de fogar en fogar”.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que “apostar por estas mostras é necesario para a visualización do traballo destas mulleres que achegaron tanto a nosa sociedade e cuxas historias merecen ser visibilizadas”. A mostra estará exposta no colexio ata o vindeiro 20 de maio.

Entre as persoas asistentes ao acto había membros da Corporación do Concello de Baiona e representantes de distintas asociacións baionesas. Tamén estaba o alumnado da disciplina Investigación e Tratamento da Información xunto co seu profesor, Antonio Rey Somoza, que moi atentos escoitaron a intervención da Responsable de Prensa do Concello, Marta González Pérez, que foi invitada o acto para dar o coñecer o seu traballo diario como muller xornalista ao fronte do Gabinete de Prensa do Concello de Baiona.