Mostra Asociativa 2019

O pasado sábado a Alameda da Guarda foi o lugar escollido para a celebración da terceira edición da Mostra Asociativa. Un evento multicultural no que as asociacións da vila foron as protagonistas dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes cunha gran programación de actividades que comezou cun xantar popular.

Ás 16:00h arrancaba oficialmente esta III Mostra Asociativa cunha actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta, nunha xornada cunhas temperaturas excepcionais que promoveron unha afluencia de asistentes que se mantivo ao longo da tarde, aproveitando a diversidade de propostas para todas as idades.

A Alameda da Guarda converteuse no punto de reunión con stands individuais de cada colectivo, nos que tamén se realizaron actividades paralelas e se informou máis pormenorizadamente sobre os servizos e obxectivos de cada Asociación/colectivo, destacando a realización dunha alfombra floral, a práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall entre outras.

A tarde continuaba intercalando numerosas actividades conxuntas entre varios colectivos, coma a exhibición de Danza Centro Do-Majó, a actuación conxunta entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamaraina e o Coro Arpegios-Cantábile, a actuación da Agrupación Musical da Guarda, o serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro, a actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa e xa para por o broche final, a actuación de Xerock.