A mostra itinerante -GalizAmérica- chega á Guarda

O vindeiro xoves, día 25 de outubro ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guardia, ¡naugurarase a mostra itinirante GalizAmérica, que estará na vila ata o 10 de novembro.

A exposición está composta por 13 paneis e vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo.

Segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados:

  • O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión.
  • O segundo apartado corresponde ao que Carmen Carreiro denominou “a xenerosidade de América” e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega.
  • A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia “nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí”.

Como actividades complementarias, na Guarda terán lugar microconferencias a cargo de Mónica Rebolo e Phillip Duncan, que falarán sobre “Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata” e “Entre Vigo e Asunción: Avelino Rodríguez Elias no Exilio (1936-1958)”.

Tamén se proxectará, o 9 de novembro ás 20:30 horas, o filme ‘A cicatriz branca’ de Margarita Ledo.

A mostra itinerante visitará nos vindeiros días o Concello de Gondomar.