Soledad García

Hai unha voz no Val Miñor que está a pisar forte. Trátase da escritora niganesa Soledad García que acada outro primeiro premio de poesía en menos de tres semanas coa obra «O Camiño de Perséfone»

Hai tres semanas gañaba o XXVIII Certame de Poesía Manuel Oreste Rodríguez de Paradela coa obra «As palabras son cinzas por soprar». Onte o xurado da Casa de Galicia en Gipuzkoa escollía o seu poemario titulado «O Camiño de Perséfone» como gañador do VIII Certame de Poesía en Lingua Galega Manuel María.

«O Camiño de Perséfone» explora a dualidade entre a tecnoloxía e a natureza a través de imaxes evocadoras e metáforas convidando ao lector a reflexionar sobre o noso papel no mundo moderno e a atopar esperanza en tempos desafiantes. A escritora do Miñor retrata a Perséfone, a deusa grega da agricultura e a fertilidade, mergullándose nun mundo virtual mentres busca un oasis entre os datos. Descríbese o seu rostro como un enigma conectado ao universo a través da física cuántica. A pesar de enfrontar desafíos, persevera na busca dunha nova primavera e o seu renacemento persoal.

Soledad García forma parte do grupo de Promoción do Uso do Galego no Instituto de Estudos Miñoráns e do grupo de fusión de arte Solaina Valmiñor. É a autora dos libros «Dedas», «Un paseo por Nigrán», «Un paseo por Baiona», «Samagostín», «A walk in Baiona», «Un paseo por Gondomar» e do poemario “Poemarcovida, palabras de imaxe e vida”, ilustrados pola pintora Laine Villero e maquetados pola deseñadora gráfica Natalia Guisande.

Os últimos galardóns da escritora recaeron nas obras «As palabras son cinzas por soprar», «Aposiopese», «Vivaldi de haikus», «Nunha vila caben todos os ventos» e «Haberán de construír un cemiterio nas illas, algún día!».