A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón comprométese co colectivo de pensionistas a ser “a súa voz” no Parlamento para exixir do goberno central unha subida que incremente “o seu poder adquisitivo”.

Para a nacionalista, “Rajoy maltrata ás persoas pensionistas cunha subida do 0.25%” e denuncia que o Partido popular “traballe para beneficiar fondos privados” cortando o dereito a unha pensión digna. Reclamos, como mínimo unha subida equiparable a subida do coste da vida e que se “salvagarde o sistema de pensións público”.

Por outra parte, tamén se comprometeu a pedir na Cámara galega que o goberno deixe de perseguir ás persoas pensionistas emigrantes retornadas como está a facer a través da Facenda española ao obrigalos a pagar máis que a un xubilado ou xubilada no Estado español.

O BNG demanda créditos ao IGAPE á baixo custe para renovar a flota do palangre

Ademais, na súa visita A Guarda, acompañada pola portavoz de pesca e deputada por Pontevedra, Montse Prado, o portavoz municipal, Anxo Baz e a responsable local, Bea Lomba, a portavoz do BNG  mantivo un encontro coa directiva de ORPAGU (Organización de palangreiros guardeses) centrado no futuro da frota e nun sector no que se está a producir un importante relevo xeracional e con gran presenza no concello da Guarda.

Pontón asegurou que o BNG trasladará ao Parlamento galego as demandas sobre as axudas para a renovación da flota. Neste sentido, explicou que os barcos do palangre contan con moitos anos e o marco da limitación da pesca “non permite a renovación plena desta flota” polo que se fai urxente “axilizar as axudas” destinadas a mellorar a eficiencia enerxética das embarcacións e as condicións de vida das súas tripulacións.

Resulta inconcibible, denunciou, que nun país como Galiza onde a pesca ten un papel tan relevante, teñamos un modelo “que financia a morte dunha flota” en vez dun sector pesqueiro do século XXI. A Unión Europea e o Goberno central destinan “máis recursos a desguazar que a modernizar e renovar a flota”. Unha flota dixo, que dende o reto da sustentabilidade acade máis capacidade para crear emprego.

Pontón afirmou que a modernización da flota suporía a actividade dos estaleiros coa construción de entre 20 e 30 barcos polo que anunciou que BNG defenderá “axudas para a renovación” ao que sumou “créditos a baixo custe dende o IGAPE” para resolver un dos principais problemas deste sector estratéxico para a Guarda e Galiza.

Un novo modelo urbano para persoas e para os coches  

Dende o BNG, manifestou defendemos un novo concepto de mobilidade no concello da Guarda no que o centro sexan as persoas e non os vehículos apostando por espazos e entornos nos que o pequeno e mediano comercio conten con vida e apoio.

Nesta liña, o BNG traballa en diferentes iniciativas dende o concello e a Deputación de Pontevedra para construír A Guarda do século XXI, unha vila accesible e pensada para as persoas superando o espazo urbano para almacenar coches.

A portavoz do BNG insistiu na necesidade de apostar polo pequeno e mediano comercio para xerar actividade económica nunha vila cunha capacidade enorme dende o punto de vista turístico pero que precisa un novo modelo urbano.