Despois da mobilización realizada pola comunidade educativa do IES Val Miñor o pasado 3 de outubro, que contou co total apoio do BNG, materializado coa presenza do seu portavoz municipal, Xavier Rodríguez; a deputada da formación no Parlamento Galego, Carmela González, reuniuse con representantes da ANPA do centro para analizar «o caótico inicio do curso no instituto e recabar a información precisa para presentar varias iniciativas parlamentares ao respecto».

Neste sentido rexistrou unha PNL coa que pretende que o Parlamento inste á Xunta a que cubra con urxencia ao profesor de matemáticas que presta servizo na Consellería de Educación, «xa que a súa ausencia supón un grave prexuízo para a atención á diversidade do alumnado, para a calidade da oferta educativa do centro, para o profesorado e, tamén, unha falta de respecto para o traballo realizado polo equipo directivo».

Ademais interpelará ao goberno galego sobre as medidas de apoio ao alumnado con necesidades educativas «das que ten que prescindir o centro e que estaban implantadas en anteriores cursos», así como a redución das horas de atención á biblioteca ou o risco de desaparición do clube de lectura que tan ben funcionaba. «Tamén sobre a perda de horas de docencia no inicio do curso por non estar todas as prazas docentes cubertas«, apuntan.

O BNG secunda as mobilizacións da comunidade educativa do instituto e manifesta o seu apoio ao equipo directivo do centro e á Asociación de Nais e Pais de Alumnos, poñéndose ao seu dispor para o que precisen.