A Semana da Educación de Tomiño arrancou a súa quinta edición este luns falando dunha preocupación real no ámbito educativo e familiar: “estamos inoculando medos ás nenas e nenos”. Así comezaba a súa conferencia a psicóloga e consultora en infancia, afectividade e protección Pepa Horno, unha charla coa que fixo entender ao público que ateigou o Auditorio de Goián que “dividimos a vida en brancos e negros. E cando traballamos dende a perspectiva da protección debemos ser conscientes de que o medo paraliza e que o que realmente axuda a garantir o desenvolvemento dos nenos e nenas é xerarlles fortaleza emocional, facelos máis forte”.

Unha fortaleza que, segundo Horno, chega da man de tres elementos claves que se deben de ter en conta á hora de educar: a autorregulación emocional, a integración emocional e a capacidade de resiliencia.

Pepa Horno fixo especial fincapé no presente que está o medo nas vidas de pais, nais, educadores… porque “criar e educar implica vivir con medo, a que lles pase algo, a equivocarnos… a moitas cousas e moi diferentes, pero medo”. “Temos que saber como xestionar os nosos medos porque non educamos no que dicimos nin no que facemos, educamos no que vivimos. Por iso é imprescindible o autocoidado e o benestar propio, porque é un investimento que facemos tamén no seu benestar e no seu desenvolvemento. Irse a tomar unha cervexa, anotarse a clases de ioga, saír de excursión sen fillos e fillas… iso tamén é ser bo pai ou nai, porque esas vivencias van facer que esteamos mellor. E ten que haber congruencia entre o que dicimos, o que facemos e como estamos”, destacou a psicóloga.

Horno explicou ao público que errar é inevitable porque “é imposible facelo ben 24 horas ao día 365 días ao ano. É importante rematar co mito de que como coidadores non podemos equivocarnos e ser conscientes de que cometeremos erros e que temos que aprender a perdoarnos. Non se trata de xerar unha burbulla arredor das nosas fillas e fillos, senón de darlles as ferramentas para que sexan capaces de enfrontarse á vida”.

Traballo a prol da infancia e da adolescencia

A alcaldesa Sandra González foi a encargada de presentar á conferenciante na xornada inaugural da V Semana da Educación, un evento anual que fai que Tomiño “sexa coñecido máis alá das nosas fronteiras polo noso traballo a prol da infancia e da adolescencia. Para nós é un orgullo ser capaces de organizar a tanta xente e ver a tanta xente interesada en escoitar e en aprender en todo o que rodea á educación”.

A alcaldesa quixo resaltar unha das máximas de Pepa Horno: quen nunca recibiu amor non é capaz de dar amor. “ Ser uns pais e nais capaces de dar afecto para moitos de nós é algo tan cotiá que nos esquecemos que para outras persoas non é doado de dar se nunca o recibiches. Debemos reflexionar como queremos que sexa o futuro, se queremos unha sociedade baseada no amor ou na violencia, unha sociedade baseada na ledicia ou no medo. E debemos animar ás nosas fillas e fillos a equivocarse, a cometer os seus propios erros”.