Sexta jornada del Camino a Santiago de Caminha-A Guarda
CEDIDA // Peregrinos haciendo el Camino de Santiago

O Concello de Nigrán, co apoio de Pontegal, ofrecerá este sábado na Ramallosa, a súa ‘I Festa do Peregrino’, evento que nace coa vocación de celebrarse anualmente neste enclave polo que transcorre o Camiño de Santiago pola costa.

Esta festa, que conta co apoio dos comerciantes da zona, terá lugar na contorna do Parque da Feira durante todo o día e rematará no Pazo de Pías ás 21:30 horas, cun concerto de piano de músical clásica a cargo de Peregrinos Musicais.

Os comerciantes serán parte esencial do evento, xa que instalarán desde ás 10:00 horas no Parque da Feira un mercadillo outlet durante todo o día, ao que se unirán artesáns da zona como canteiros, alfareiros, cesteiros…

Así, a festa arrancará coa apertura da feira e con unha andaina que, precisamente, percorrerá o Camiño de Santiago pola Costa dende Priegue a Ramallosa (un autobús levará aos camiñantes a Priegue para que fagan o percorrido ata a Ramallosa, onde serán recibidos por un grupo de gaiteiros).

Pensando no público infantil, haberá contacontos ás 12:00 horas (‘Un pouco perdido’) e ás 18:00 horas (‘A máquina das estacións’) e actuacións musicais do grupo folclórico Malas Herbas ás 13:00, ás 19:00 Festicultores Troupe e ás 20:30 horas o grupo folclórico nigranés ‘Os Muíños do Xuncido’. Ademais, Correos participará instalando un photocall no que os peregrinos poderán selar oficialmente a compostelana e haberá obradoiros de cabazas e de cestería con follato.

A xornada rematará ás 21:30 horas cun concerto de música clásica de Peregrinos Musicais no xardín do Pazo de Pías, establecemento da Ramallosa que funciona como albergue e o único de Nigrán no que se sela a compostelana.

O obxectivo é reunir no evento a peregrinos e veciños de Nigrán. Así, neste marabilloso lugar terán lugar sendos concertos de piano de Alina Madison Sadykova, Marina Fernández Rueda e Yuri Durán, os tres como solistas e interpretando pezas de Chopin, Shostakovic, Mozart, Bach, Beethoven, Scarlatti ou Rakhmaninov.