A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiu no Pazo Provincial a Ariana González e Brais Misa, vencedora e vencedor da clasificación xeral do «DepoDesafío 2018». Silva transmitiulles o seu desexo de que “o pasedes moi ben en Berlín e gocedes dunha experiencia inesquecible, pois cando eliximos o premio pensamos na vosa felicidade”.

Carmela Silva tamén se dirixiu a Ariana e a Brais para agradecerlles “a participación na primeira edición do DepoDesafío xa que para nós é un proxecto ambicioso, somos conscientes de que cada día hai máis xente interesada na práctica deportiva e polo tanto hai unha demanda de que as administracións levemos a cabo este tipo de proxectos”.

Tanto Ariana como Brais participarán o vindeiro domingo na Maratón de Berlín, a coñecida como a maratón máis rápida do mundo. Ao igual que acontece este ano, a gañadora e gañador do primeiro DepoDesafío tiñan como premio un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, voo e aloxamento para el/ela e acompañantes. A maratón de Berlín é unha carreira icónica no mundo do atletismo xa que nese percorrido fixéronse 7 das 10 mellores marcas da historia en categoría masculina e, en categoría feminina, 3 dos 10 mellores tempos.

A atleta rosaleira Ariana González no «DepoDesafio 2018», primeira na xeral, gañou a carreira a pé de 14 quilómetros entre Tomiño e A Guarda e o trail da Cañiza. As mesmas probas tamén foron as que gañou o duatleta Brais Misa, nado en Gondomar.

Durante a recepción, Ariana González explicou que para ela “tratouse dun verdadeiro reto, posto que eu son atleta e con esta competición puiden coñecer outro tipo de probas deportivas”. Pola súa banda, Brais Misa agradeceu á Deputación “a iniciativa, pois proxectos tan potentes como este son moi importantes tanto a nivel deportivo como turístico”.

O #DepoDesafío, cuxa segunda edición rematará o 13 de outubro co tríatlon de Vigo, é un programa ideado cos obxectivos de popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.