Ata o mércores 25 de setembro estará aberto o prazo de inscrición para a terceira proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra, que se celebrará o domingo 29 polo concello de Nigrán e terá un percorrido circular de 40,2 quilómetros.

Máis polo miúdo, a DepoRuta BTT de Nigrán ten como punto de saída e chegada o campo de fútbol de Chandebrito. A ruta iniciarase con continuas subidas e baixadas e unhas vistas espectaculares da vila de Nigrán e a ría de Vigo, para chegar logo aos parques forestais de Saians e Coruxo.

No quilómetro 19 os participantes terán o avituallamento da ruta, para encarar a segunda parte do itinerario, cun perfil máis esixente que os levará a ascender o monte de Coruxo ata o seu punto máis alto. A continuación haberá un pequeno descenso antes de afrontar a parte máis dura do percorrido, que levará aos participantes a coroar o Parque Forestal Monte Alba-Cepudo, presidido pola Igrexa de Nosa Señora do Alba, unha contorna que ofrece unhas vistas espectaculares da cidade de Vigo.