O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá os máis de 3 millóns de euros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará este ano aos concellos da provincia de Pontevedra para apoiar o emprego local favorecendo a contratación de 255 desempregados.
Os apoios concedidos este ano para a contratación de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) nos concellos da comarca do Baixo Miño permitirá aos municipios desta comarca contratar a 27 desempregados cunha axuda total de case 310.000 euros.
En concreto, O Rosal e Oia poderán contratar cada un a dúas persoas, mentres Tomiño contará con 5 beneficiados, e Tui e A Guarda 9 por municipio. Estes traballadores destinaranse a traballos relacionados coa construción e a xardinería, así como a oficinas e despachos.