Adxudicada a Narom a mellora da estrada provincial de Baredo que coincide co Camiño da Costa

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe a adxudicación das obras de mellora das estradas provinciais EP-2203 e EP-2202 que pasan pola parroquia de Baredo, Baiona, coincidindo co Camiño da Costa a Santiago.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, explicou que as obras, das que se fará cargo a construtora Narom SL, comezarán no mes de novembro e terán tres meses de prazo de execución.

Segundo apunta Benítez, a adxudicataria foi seleccionada entre as 15 propostas presentadas polas súas ofertas técnica e económica. Agora terá que presentar a documentación definitiva, asinar formalmente o contrato, e realizar o replantexamento das obras, que consisten na construción dunha nova senda dun quilómetro de lonxitude e 2,5 metros de largo, dun miradoiro no lugar de Monte Alto –que se acondicionará con mobiliario urbano para poder contemplar a bahía e a cara sur das Cíes-, así como dunha actuación integral de seguranza viaria e mobilidade sostible, limitando a velocidade dos coches a 30 quilómetros hora con redutores físicos de velocidade de vehículos para calmar o tráfico de xeito efectivo.

Os traballos comezarán co movemento de terras na ladeira, xa que se ampliará a sección da vía para incorporar a nova senda. Dado que hai moita rocha na zona prevese que esta parte do proxecto sexa a máis complexa. O investimento final, financiado ao 80% pola Deputación e ao 20% polo Concello segundo o convenio asinado, será de 297.304,85 euros.

Mellora de firmes

Por outra parte, o departamento de Mobilidade está a realizar nestes días os traballos de mellora de firmes dalgunhas estradas provinciais no Concello de Baiona. Nas últimas xornadas realizáronse fresados dos aglomerados en mal estado nas EP-2201 Baiona-Bahíña-Fontes e na EP-2202 -Baiona-Loureza, nos treitos onde non se actuará co proxecto recén adxudicado do Camiño da Costa. Logo renovarase a capa de rodadura con diferentes misturas antiescorregadizas para mellorar a seguranza viaria dos treitos reformados. Nesta semana tamén se realizaron xa algúns saneos menores.