Depoaventura

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar as 1.540 prazas dos campamentos de Depo Aventura 2023 que se desenvolverán nas instalacións da Lanzada entre o vindeiro 25 de xuño e o 9 de setembro e para os que houbo unha espectacular acollida. Da cifra total de prazas, un total de 1.409 adxudicáronse polo procedemento xeral a través do sorteo, que vén de ter lugar, e as familias beneficiarias recibirán unha mensaxe no móbil comunicando a súa inclusión no programa.

Así mesmo, a institución provincial abriu unha lista de agarda para o caso en que se produzan vacantes. As restantes 131 prazas foron reservadas para menores en risco de exclusión social, das cales 54 corresponderon aos concellos, 29 ao alumnado do Centro Príncipe Felipe e 48 a menores en situación de tutela e garda administrativa doutros centros da provincia.

As e os menores nados entre os anos 2010 e 2015 gozarán dos campamentos nas instalacións da Lanzada, onde desenvolverán actividades para o seu enriquecemento persoal e coñecerán outros lugares fóra da súa contorna habitual nas  11 quendas distribuídas entre xuño e setembro. Cada quenda terá unha duración de 7 días (de domingo a sábado) e en cada unha delas participarán 140 nenas e nenos (70 nenos e 70 nenas).

Os nenos e as nenas que participarán nos campamentos proceden de 58 concellos da provincia. A maioría son de Vigo (335) e Pontevedra (154). Outros concellos con grande asistencia son Vilagarcía (79), Redondela (45), Ponteareas, O Porriño, A Estrada, Lalín, Marín, Cangas, (estes con 44). Destacan tamén Poio (25), Nigrán e Gondomar (24), Baiona e Tui (23), Sanxenxo (22) e 20 nenos e nenas son do Grove, A Guarda, Mos, Salvaterra, Moaña ou Cambados. Por comarcas, 487 nenas e nenos son da comarca de Vigo, 327 da de Pontevedra, 251 do Salnés, 119 de Deza-Terra de Montes, 119 do Condado-A Paradanta, 85 do Baixo Miño, 81 do Morrazo e 71 do Val Miñor.

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación oferta este ano un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a inclusión, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Tamén está previsto realizar o tradicional obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, inclúese unha visita á Illa de Ons e unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.