Afectados polos erros cometidos na modificación do Catastro presentaron no día de hoxe no Rexistro do Concello da Guarda máis de 200 sinaturas «para que o alcalde se dirixa a Xerencia do Catastro e demande a corrección da planimetría mal realizada«, sinalan.
No escrito presentado demandan que o departamento de urbanismo emita un informe onde se cotexe a información urbanística vixente e a que dispón a Xerencia do Catastro coa intención de corrixir os erros que existen, ao tempo que solicitan que o Concello se dirixa a esta Xerencia «para evitar os danos que está causando a moitos veciños«.
A comisión de afectados lamenta que «tendo pedido unha entrevista co alcalde o pasado venres 21 de xuño non se lles conceda audiencia ata o próximo 3 de xullo», e manifestan a súa preocupación, «pola falta de interese coa que o rexedor está tomando este asunto cando a unha parte da veciñanza se lle están esgotando os prazos da reclamación e outra xa decidiu solucionalo pola súa conta, co correspondente desembolso e prexuízo económico por algo do que non son responsábeis», aseguran os afectados nun comunicado de prensa.