A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega para o Concello do Rosal de preto de 12.000 euros, cos que poderá adquirir novas porterías para o campo de fútbol da Mata e o pavillón municipal e que complementan outros preto de 34.000 euros que concedeu tamén a institución provincial para situar un videomarcador neste último recinto.
Estes recursos pertencen ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dotado de 4 millóns de euros para todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Cos recursos que acaba de aprobar a institución provincial para o Rosal, o concello poderá mellorar ámbalas dúas dotacións deportivas adquirindo novas porterías, tanto de fútbol como de balonmán.
Para o campo de fútbol da Mata adquirirá un xogo de porterías de fútbol 7 e outro de fútbol 5, ambos coas súas correspondentes redes. No caso do pavillón municipal, O Rosal comprará un xogo de porterías de balonmán tamén con rede. Todas as porterías contan con tecnoloxía que garante a súa estabilidade, o que reduce o risco de lesións, evita o dano da área de xogo, incrementa a súa duración, aumenta a confianza dos xogadores, proporciona unha mellor experiencia para os espectadores e da cumprimento aos estándares de seguridade.

