Agustín Silva

O candidato á alcaldía de Baiona de Podemos, Agustín Silva, traslada algunhas das súas propostas máis representativas.

Podemos propón por a disposición da veciñanza os inmobles da Sareb para destinalas a alugueiro social e favorecer aos colectivos vulnerables, a emancipación da mocidade ou para outros colectivos que o precisen. Contando co respaldo da entrada en vigor desde onte, da nova Lei de Vivenda aprobada polo Goberno do Estado.

En materia de transporte, o equipo de Agustín leva meses demandando a todos os niveis (incluída a reclamación ante a valedora do pobo) o cumprimento do prego da concesión á empresa Lugove ante as numerosas deficiencias do servizo. Así mesmo, proponse ampliar o servizo cunha liña interparroquial e crear aparcadoiros disuasorios.

Manteñen o seu posicionamento en contra do emprendemento eólico na Serra da Groba e, a falta de máis informes e apoiando ao sector da pesca na vila, da planta eólica mariña “Volanteiro”, a protección da Foz do Miñor, fomentando a recuperación da zona de marisqueo, así como a revisión de legalidade urbanística e a continuidade do Cámping da Ladeira, xa que entenden que non é a súa localización adecuada, o que permitiría recuperar e protexer o sistema dunar e a biodiversidade da zona.

Seguirase avanzando en materia de igualdade e diversidade, coa posta en marcha dun punto violeta permanente e a solicitude de creación de casas de acollida urxentes para casos de violencia de xénero, así como a adhesión do Concello de Baiona no programa VIOPET, vinculado a outras medidas animalistas como a posta en marcha dun CER ou a transición ao uso de fogos de artificio de menor impacto.

A nivel cultural, queren por en valor os petróglifos de Campo Lameiro así como avaliar e levar a cabo as escavacións arqueolóxicas en Monte Boi e Belesar. Tamén propoñen a creación dun local de ensaio e gravación para os grupos musicais da vila.

No plano deportivo levarase a cabo unha revisión e adecuación das instalacións deportivas e apostan pola creación dunha olimpíada escolar para fortalecer os valores olímpicos entre a xuventude.

Estas son só algunhas das propostas para mellorar a vida da veciñanza de Baiona, nas que Podemos continuará a traballar desde o primeiro día da formación do goberno, para poder levalas a cabo.

Por iso, Agustín Silva recorda a importancia de acudir este domingo aos colexios electorais a votar, sinalando que “o voto útil é o que permite que Podemos estea presionando no goberno, como ocurre a nivel estatal”.