O candidato dos populares á alcaldía do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou este martes unha das súas propostas, desta vez dirixida á posta en valor da praza de abastos e do tecido comercial do Porriño.
“Investir no comercio local é investir no Porriño e por iso temos que facer o máximo esforzo para mellorar a súa competitividade e dinamizalo”, explicou Lorenzo.
A tal fin inclúe no seu programa varias medidas de impulso do comercio local entre as que destaca o proxecto de mellora e acondicionamento da Praza de Abastos da vila e da súa contorna. Unha proposta que reconverterá o mercado, tanto no interior como no exterior, para facer del o centro físico e xerador da zona comercial e de ocio.
“Buscamos a modernización da tradicional Praza de Abastos, reconvertíndoa nun espazo no que, ademais de comprar produtos de proximidade, se atraia a nova clientela coa incorporación de novos espazos para a hostalería e eventos gastronómicos, así como feiras na contorna do Mercado”, explicou o candidato, “Todo isto, por suposto, respectando a esencia do edificio de Xosé Bar Boo”.
O proxecto dos populares inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, instalacións eléctricas incorporando iluminación LED e sistemas de dixitalización. Ademais, cambiarase o pavimento tanto na planta baixa como na entreplanta, ampliando esta última para conseguir máis superficie de uso.
En canto á contorna, propoñen trasladar o espazo de aparcamento a unha parcela contigua para crear unha praza exterior anexa ao edificio, que permita dispoñer dun amplo espazo para a celebración de mercados e feiras, coa idea de que isto sirva tamén como reclamo turístico á hora de atraer nova clientela á vila.
A súa posta en valor do comercio inclúe tamén a creación dunha APP pensada por e para o comercio local e a hostalería que poñerá en contacto de maneira rápida e sinxela a consumidores e establecementos, incluídos os da Praza de Abastos.
“A incorporación das novas tecnoloxías no comercio da vila pode ser unha excelente maneira de mellorar a súa presencia en liña e chegar a máis clientes, o que resultará nun aumento das ventas e na mellora da rendibilidade dos seus negocios”, concluíu Lorenzo.
