Carlos Gómez Prado, candidato á reelección como alcalde de Baiona, tivo claro desde un primeiro momento que “a mocidade sería importante na miña candidatura, persoas con criterio e moitas propostas para a vila”.

De feito, catro das persoas que forman parte do seu equipo teñen menos de 30 anos: a número 3, Andrea Pérez González (28 anos); o número 4, Diego Álvarez Silva (24 anos); Álex Hidalgo Iglesias (24 anos), e Sabela Cedeira Vázquez (18 anos).

“A política faise desde o exemplo, contando con nós en postos de responsabilidade e non con promesas baleiras”, afirma Diego Álvarez Silva.

Andrea Pérez, que xa é concelleira de Deportes a día de hoxe, engade que “Carlos demostra que conta con nós, que nos escoita e que materializa en feitos as nosas iniciativas”.

Entre as propostas dirixidas á mocidade para o próximo mandato, están a ampliación do horario e a dixitalización da biblioteca; a posta en marcha dun Carné Xove de Baiona con beneficios, e a creación de locais de ensaio e dun itinerario de artistas locais.

Ademais, onte anunciou a Zona Franca de Vigo a construción dun novo edificio para os emprendedores de Baiona e se potenciarán os cursos de formación para desempregados.

“Son o futuro e o presente, terán peso no equipo de goberno para construír a Baiona de hoxe e de mañá”, remata Gómez Prado.