ALFREDO

A ANPA do CEIP Fontes de Baíña, en colaboración co centro, organiza para o alumnado a actividade “Coñecendo a contorna do noso colexio: o noso patrimonio” que será desenvolvida polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM).

A dita actividade terá lugar este venres co seguinte programa:

Obradoiros de arqueoloxía:

  • Impartidos por Manolo Ledo do IEM en tres grupos de idades, o alumnado aprenderá a facer lume de diversos xeitos, tallar pedras para conquerir útiles para cortar e cazar, a pintar como pintaban os nosos antepasados nas covas na idade de pedra, e analizarán os xeitos de vida dos primeiros homes e mulleres e como foron coñecendo as técnicas para subsistir primeiro como recolectores e despois como cazadores.

Documental e charla sobre a historia do garrano da groba, o único cabalo salvaxe no mundo:

  • Proxección do documental Equus ferus atlanticus, curta metraxe dirixida pola sección de arqueoloxía do IEM que levou o segundo premio do Festival Telearqueoloxía promovido pola Deputación de Pontevedra Charla en 2016, sobre os cabalos da Groba, a súa orixe, os seus valores naturais e culturais e as testemuñas históricas que hai nas representacións dos gravados rupestres, nomeadamente nos petróglifos como por exemplo os de Outeiro dos Lameiros de Sabarís, a Portela en Couso, As Covas de Amorín en Donas, Os Morouzos en Mougás ou o Tetón en Tebra; o mundo dos curros e os seus valores etnográficos e as propias burras do monte, os garranos, coa importancia que teñen para o ecosistema natural do monte en xeral e da Groba en particular.

Exposición de calcos de petróglifos:

  • O IEM montará unha exposición de calcos de petroglifos do Proxecto Equus con escenas de cabalos montados, cazados etc. que estará no colexio durante dúas semanas a partir do 22 de novembro.

Saída pola Groba:

  • Cando o tempo o permita, o IEM realizará unha visita guiada pola Groba para ver in situ os garranos e o medio no que viven.

Para financiar esta actividade, a ANPA do CEIP Fontes solicitoulle ao Concello de Baiona unha subvención no marco da súa convocatoria de axudas para actividades culturais.