O Equipo de Normalización Lingüística do Instituto de Educación Secundaria (IES) A Sangriña mantivo unha reunión con representantes das tres principais asociacións de comerciantes da vila para presentarlles a campaña «O galego, produto estrela», coa que os alumnos pretende normalizar o uso da lingua nos carteis e outros elementos informativos e publicitarios dos establecementos comerciais e hostaleiros da vila.

Os delegados das asociacións AGUDE, Mercado do Reló e ACIGU acolleron de bo grado a iniciativa, na que tamén se propón a ampliación das cartas de presentación dos produtos ofrecidos en cada comercio, facendo uso de varias linguas (portugués, inglés e francés, amais de galego) a fin de facer accesible o comercio local a todos os turistas que visitan A Guarda.

Todo isto, sen esquecer o obxectivo principal da campaña: acabar coa «discriminación do galego» na vila, onde unha porcentaxe ínfima de establecementos comerciais fan uso do idioma, segundo sinalou o profesor de Lingua Castelá e coordinador do equipo, Denís Vicente. Nesta liña, a iniciativa busca fomentar e normalizar o uso do galego no comercio e ampliar os seus ámbitos de uso, engadiron Carla Vizoso e Andrea Maquieira, voceiras do equipo.

A concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, María Elena Baz, salientou a relevancia do feito de que sexan as xeracións máis mozas «as que empurran pola nosa lingua e aportan unha visión de futuro ao comercio e a hostalaría da vila».

«O galego, produto estrela»

A campaña é un proxecto do Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña en colaboración co Concello da Guarda, orientada á normalización do uso da nosa lingua expandindo o seu uso por todos os ámbitos da localidade, incidindo especialmente no sector servizos (comercio, hostalería, academias…).

A iniciativa chama á reflexión sobre a situación das linguas na Guarda, onde o número de persoas galegofalantes minguou de xeito moi significativo durante as últimas décadas; «unha perda moi grave para o concello», sinalou Denís Vicente. Así, o alumnado incidirá especialmente en dar visibilidade á lingua galega como atractivo e distintivo do comercio local, ademais de ofrecer a posibilidade de ampliar as cartas de presentación dos produtos facendo uso de varios idiomas.

Para isto, o alumnado que forma parte do equipo realizará as traducións que cada un dos establecementos comerciais precise. Así, por exemplo, traducirán os menús dos restaurantes, os anuncios, a sinaléctica e outros tipos de publicidade, nun proceso de «axuda mutua» coa que os e as empresarias guardesas poderán «ampliar os campos de clientela e venda». Nas próximas semanas, o alumnado dividirase en grupos e percorrerán os establecementos da vila para dar a coñecer a iniciativa, aberta á participación de todo o comercio guardés.

Sobre o equipo

O Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña naceu a comezos do actual curso académico e está formado por un grupo de preto de 30 mozas e mozos de diferentes cursos da ESO, bacharelato e ciclos formativos. O equipo, aberto á participación de todo o alumnado, é coordinado pola profesora de Plástica e Deseño, Beatriz Núñez, e o profesor de Lingua Castelá, Denís Vicente.

Ata o de agora, o equipo ten realizado proxectos en prol de movementos sociais e culturais, como charlas e festivais a favor do colectivo LGTBIQ ou a lectura dun manifesto na concentración feminista do pasado 8 de marzo. No que queda de curso, prevén realizar novas actividades nos ámbitos da música e o deporte.