O céltico Kevin Vázquez

O Concello de Nigrán amplía ata mañá venres o prazo para apuntarse como brigadista medioambiental para a noite de San Xoán en Panxón-Praia América.

Esta iniciativa forma parte da primeira campaña de concienciación medioambiental dirixida ex-profeso á noite de San Xoán e co obxectivo de que non quede lixo na praia nin chegue ao mar.

Os brigadistas, que deben ser maiores de 16 anos, recibirán cada un unha entrada gratis para o festival ‘Vive Nigrán’ (os 40 primeiros inscritos) que se celebra os 19 e 20 de xullo no campo de Lourido e desenvolverán a súa labor durante un máximo de dúas horas.

Os interesados deben inscribirse a través da Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán, 986365000 ou atencioncidada@nigran.org. O Concello instalará illas de reciclaxe a pé de praia e pedirá aos voluntarios que creen conciencia durante a noite invitando e colaborando cos asistentes para facer a recollida selectiva in situ.

O Concello de Nigrán, consciente da enorme cantidade de desperdicios que se xeneran esa noite, especialmente vidro e plástico, fai un chamamento á responsabilidade de cada un para que non se contamine a area nin o mar.

Baixo a etiqueta #SanXoanSenLixo o Concello de Nigrán quere viralizar esta campaña de concienciación en redes sociais, conscientes de que é o mellor canal para chegar á mocidade, gran protagonista da festa. Así, futbolistas de primeira división como Kevin Vázquez, Santi Comesaña, o retirado xa Gustavo López, a atleta Desirée Vila ou o surfista Goni Zubizarreta e a artista de Baiona, Lula Goce, serán algúns dos ‘padriños’ do reto viral, xa que posarán nas súas redes cun cartel que dí ‘O Mar non é un vertedoiro. Súmate ao reto de Nigrán. #SanXoanSenLixo. Fagamos ben a festa’.