Antón Baamonde nos faladoiros do IEM
Antón Baamonde

O Instituto de Estudos Miñoráns convídaos a asistir este venres día 24 de febreiro ás 20:30h ao faladoiro “Galicia sen rumbo”, con Antón Baamonde e presentado por Camiño Noia, que supón un  complemento do ciclo de faladoiros anteriores “Galicia 2017-2020. Presente e futuros” e sobre os que se construirá unha crítica a eses futuros propostos. Desenvolverase na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira Nº 10 baixo, Gondomar.

Antón Baamonde, Vilalba, 1959, é profesor de filosofía de secundaria e escritor. A súa vocación quedou establecida cando, á tenra idade dos catorce anos, un mentor prestoulle un exemplar de “Apocalípticos e integrados na cultura de masas” de Umberto Eco. Decidiu entón tomar o camiño do ensaio máis ou menos filosófico e da crítica máis ou menos cultural, onde segue. Foi mallando gran dende a semiótica ao pensiero debole, pasando, claro, por Frankfurt e pensa que algo lle quedou entre as mans. Entre os seus libros, poden destacarse “En favor da Esperanza”, “Sobre o tempo e outros desatinos” “Aire para respirar” “A rosa sen por qué” e, o último, “A derrota de Galicia”. En castelán poden atoparse “La reinvención de España” ( Ed. Ronsel ) “El Laberinto y sus salidas ( Ed. Tecnos ) e “La rosa sin porqué” ( Ed. Pre-Textos ).

Polo demais, formou parte da redacción da revista xeracional “Luzes de Galiza” e creou o Foro do mesmo nome que buscaba crear un espazo de opinión galeguista e progresista á marxe do conservadorismo dominante. Ademais de ter publicado numerosos ensaios e artigos en revistas ( Grial, Galicia Internacional, Luzes, etc ) foi colaborador usual de “La Voz de Galicia”, de “La Opinión de A Coruña” e da edición galega de “El País”. Tamén da Radio Galega e da SER. Forma parte da sección de pensamento do Consello da Cultura Galega.