Antonio Lomba

Antonio Lomba, candidato socialista á reelección como alcalde da Guarda, anuncia unha campaña «en positivo para falar de futuro”. O lema elixido é ‘A Guarda Avanza’.

Creo con honestidade que representamos a máis seria proposta de goberno para A Guarda”, explica Antonio Lomba a unhas horas da pegada de carteis. Garante “continuar a traballar cada día para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”.

“Nestas próximas dúas semanas toca falar de futuro e temos xa proxectos moi encamiñados para desenvolver ata 2027”, engade o alcalde e candidato socialista.

En palabras de Antonio Lomba, “preséntome coa máxima responsabilidade, consciente de que o traballo feito nunca é suficiente e con moita ilusión, cunha candidatura que representa a toda A Guarda”.

“A pesar das dificultades estamos moi satisfeitos de todo o traballo feito no concello nestes catro anos. Fixemos moita xestión, conseguimos financiamento externo, incluídos fondos europeos Next Generation, sacamos adiante grandes proxectos para A Guarda e puxemos en marcha outros moi importantes para o futuro da vila”, engade.

Os socialistas da Guarda celebrarán desde mañá numerosos actos, con reunións sectorais, accións de porta a porta, mitins nas parroquias e outro tipo de actividades.