O BNG dos tres concellos miñoráns presentaron no pleno da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, celebrado o pasado 16 de marzo, unha iniciativa que solicitaba que se inicien os pertinentes contactos e xestións para a construción dunha sede axeitada para o GES Val Miñor no parque empresarial de Porto do Molle. A iniciativa foi complementada coa inclusión do servizo de Protección Civil.

O representante dos nacionalistas, Iago Pereira explicaba que “o BNG entende que a localización actual da sede do Grupo de Emerxencias Supramunicipal do Val Miñor non é a máis adecuada. Sitúase a carón do Instituto de educación secundaria do Val Miñor no que concéntranse, en determinadas horas, innumerábeis vehículos e persoas que poden dificultar enormemente as saídas de emerxencias, ao marxe de compartir o edificio con outros servizos do Concello de Nigrán”.

O BNG tamén solicitaba a elaboración de xeito inmediato dunha listaxe de aspirantes de maneira áxil, xa sexa por concurso ou por concurso-oposición, para mellorar o servizo de emerxencias e dar solución a problemática do número de persoal dispoñible ao sufrir varias baixas de longa duración e as baixas derivadas da covid 19. Esta situación ten provocado múltiples problemas chegando a extremos de estar só un efectivo por quenda, o que limita o funcionamento adecuado do GES.

Por parte da Presidencia, que ostenta o Alcalde do Concello de Nigrán, Juan González, deu conta que se inicio o proceso de elaboración da bolsa de traballo fai unhas semanas.

O nacionalista Iago Pereira amosábase “satisfeito coa nova de que a iniciativa do BNG estea xa en marcha e poida axudar a que o servizo de emerxencias da comarca funcione mellor”.