Foto: Arquivo Familia Vidal Bolaño

A XX edición do Festival de Cans arranca mañá martes cunha intensa programación de cinco días de cine, música e homenaxes a persoeiros do mundo do cine e aos veciños da aldea de Cans que fan posible co seu traballo e dedicación unha das citas senlleiras do audiovisual galego cada ano. Na vixésima edición do festival haberá sección competitivas marcadas polas estreas de curtametraxes, a presenza dunha destacada directora, Valérie Massadian, no apartado Foco Internacional, diversos coloquios e actividades paralelas e máis de 25 actuacións musicais con grupos como Los Punsetes, Fillas de Cassandra, Mr. Kilombo ou The Limboos´.

O festival tivo unha previa o pasado fin de semana coa proxección de dúas longametraxes de Valérie Massadian, a presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, a a inauguración de “Collage#Catástrofe”, a exposición de collages do escritor Diego Giráldez. Todas as actividades contaron cunha boa acollida por parte do público (asistiron máis de 200 persoas) o que fai pensar que imos ter unha das mellores edicións do evento, despois duns anos nos que a pandemia impediu celebrar con total normalidade o certame. Outra das novidades a destacar é a volta dos rapaces de institutos e colexios. Espérase que pasen máis de 500 rapaces polas sesión matinais do Festival de Cans.

A xornada de mañá martes ábrese ás 10,00 horas coa inauguración da Rúa Efémera do festival que este ano está dedicada ao dramaturgo e cineasta pioneiro do Grupo Lupa, Roberto Vidal Bolaño. A pequena praza que existe diante da Casa Parroquial de Cans, pasará a denominarse por uns días “Praza de Roberto Vidal Bolaño”, á beira de outros nomes de rúas en Cans como Chano Piñeiro, Pilar Pereira ou María Casares.

A homenaxe a Vidal Bolaño completarase cun coloquio que terá lugar ás 12 do de mañá no Baixo de Carlos, coa presenza de Laura Ponte, Roi Vidal, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. Pola tarde comezarán as proxeccións ás 16,30 horas, co documental “Quererla es crearla”, dirixido pola chilena Cecilia Barriga e que será presentado pola produtora do filme, a porriñesa Sandra Fernández Carrera. A entrada é libre ata completar o aforo do Centro Cultural Municipal. Neste mesmo espazo terá lugar ás 18,30 horas o encontro de realizadores de videoclips e ás 20,30 horas, un interesante coloquio co xornalista musical Xavier Valiño, con imaxes arredor dos mellores documentais da historia do rock.

Noite Lasal e venda de entradas

Pola noite, a partir das 22:00, terá lugar a Noite Lasal na Praza do Concello coa proxección dos 19 videoclips musicais que compiten por seren recoñecidos como  a mellor peza galega do ano. Entre eles estarán obras de Xaime Miranda, Toño Chouza, Alba Domínguez, Adrían Canoura ou Aldara Pagán, e grupos emerxentes como De Ninghures, Mondra ou Mel, xunto con outros veteranos como Ruxe-Ruxe ou Xabier Díaz. A primeira noite do festival culminará cun concerto de Zeltia Irevire, previsto para as 23,30 horas.

A venda de entradas online para as actividades de pago do festival quedará pechada mañá as 13:00. Dende ese momento as entradas so poderán mercarse no posto de merchandising do evento. Xa están esgotados os pases para as sesións de proxeccións da tarde e quedan moi poucas para as matinais e para o concerto do chileno Nano Stern no Invernadoiro.

Programación Cans martes 16 de maio:

  • 10.00 h. Cans do Futuro. Baixo de Bugarín.
  • 10.30 h. Inauguración Rúa Efímera Roberto Vidal Bolaño, como homenaxe ao dramaturgo. Torreiro de Cans. Asistirán Roi Vidal Ponte, fillo de Vidal Bolaño, as actrices Laura Ponte e Isabel Blanco (Delegada de Aisge), os actores Antonio Mourelos e Eduardo Rodríguez “Tatán”, acompñados polo Secretario Xeral de Política Linguística, Valentín García. Haberá Foto en chimpín.
  • 10,30 horas.—Masterclass “Subtitulado e accesibilidade”, co
    profesor Pablo Romero-Fresco. Baixo de Carlos
  • 12.30 h. Coloquios Fundación AISGE «Roberto Vidal
    Bolaño, o dramaturgo con alma de cineasta».Baixo de
    Carlos. Con Roi Vidal Ponte, Laura Ponte, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. Moderado por Ana Cermeño.
  • 12.00 h. Cans do Futuro. Baixo de Bugarín.
  • 16.30 h. Proxección «Educación inclusiva. Quererla es
    crearla» de Cecilia Barriga. Auditorio interior Centro Cultural Municipal
    Coloquio coa produtora do filme, a porriñesa Sandra Fernández Carrera.
  • 19.00 h. Encontro “Dalle Caña”. Coa presenza dos 19 realizadores finalistas e membros dos grupos que protagonizan os videoclips.
    Auditorio interior Centro Cultural Municipal. Modera Moisés Álvarez.
  • 20.30 h. Charla–Proxección «Historia dos documentais
    musicais» con Xavier Valiño. Auditorio interior Centro
    Cultural Municipal.
  • 22.00 h. Concurso NOITE LASAL de videoclips. Praza do
    Concello.
  • 23.30 h. Actuación: ZELTIA IREVIRE. Praza do Concello.