ambulancia daños baiona
GUARDIA CIVIL

As asembleas de traballadores/as das ambulancias celebradas onte en toda Galiza ratificaron por unha ampla maioría o preacordo alcanzado entre a patronal e os sindicatos no que ten que ver coa parte económica do convenio colectivo, o que permitiu suspender definitivamente o inicio da folga indefinida. As partes continuarán agora a negociar tanto as condicións sociais como a mellora da calidade do servizo.

Dende as centrais CIG, CCOO e UGT trasladan en primeiro lugar as súas felicitacións ao conxunto do persoal do sector pola altísima participación rexistrada nas asembleas, xa que finalmente exerceron o seu dereito ao voto un total de 493 persoas. O preacordo foi ratificado por 396 votos a favor (80,81%), 73 en contra (14,89%) e 21 abstencións (4,28%). 

“Un resultado tan claro supón a sinatura definitiva deste preacordo e significa ademais a suspensión do inicio do paro indefinido; pero isto non quere dicir que se desconvoque a folga, xa que este paso só se dará no momento da sinatura definitiva do convenio porque coñecemos como as gasta a patronal e a súa nula fiabilidade. Polo tanto, a folga pode ser activada en calquera momento no caso de que haxa novos bloqueos”, aseguran dende os sindicatos.

Ao mesmo tempo, lamentan non ter incluído unha valoración sobre o preacordo no anterior comunicado do comité de folga, algo que fixeron para non influír nas asembleas e para deixar que fosen os traballadores/as os que analizasen o pacto. “Tal vez teña sido un erro porque posibilitou que determinadas asociacións profesionais e parte da patronal con medo a perder os seus privilexios corporativos difundisen falsidades para tentar botar por terra o traballo da folga que xeraron certo desconcerto no noso colectivo”, sinalan.

Consideran que esta estratexia supón “un traballo suxo carente de argumentación que obviamente non conseguiu o seu obxectivo, e agardamos que coa propia dialéctica do conflito sexamos capaces de facerllo ver aos compañeiros/as que hoxe expresaron as súas dúbidas”.

Suba salarial do 22%

Neste senso, explican que o importante acordo económico ratificado polas asembleas supón un incremento salarial mínimo do 22% para o período de vixencia do convenio (contando subas anuais, a terceira paga extra e o cobro de todos os conceptos nas vacacións), “o que significa a dignificación das nas nosas condicións salariais e a compensación con creces dos anos sen convenio colectivo”.

A partir de agora as partes continuarán coas negociacións para pactar as condicións sociais e a mellora da calidade deste servizo público. A próxima xuntanza terá lugar o vindeiro luns 25, “e nese momento serán de novo as asembleas as que debaterán e ratificarán ou non o conxunto do texto como se fixo até o de agora”. Finalmente, queren deixar moi claro que “todo isto non é posíbel sen a ferramenta que supón a folga e a forza e unidade demostradas neste conflito”.