A compañía «Baobab Teatro» chega o vindeiro sábado ao Auditorio de Goián. A función, encadrada dentro do programa de Educación Familiar «Medrando en Familia», será ás 19.00 horas con entrada de balde.

Esta é unha peza teatral destinada especialmente a público familiar con nenos de entre 2 e 6 anos; estando subvencionada pola Deputación de Pontevedra (Pontegal), coa colaboración do Concello de Tomiño.

Sinopse:

Érase unha vez unha galaxia, a Galaxia Leo T, formada por planetas, estrelas e… Martes. Martes é un ser espacial que vive entre a Lúa e as Estrelas, gústalle xogar con elas e nunca, nunca se afasta. Martes tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos, aos pedos… por iso nunca saíu da Lúa, dorme no seu colo e sácalle brillo para non quedar ás escuras. Martes naceu un día de lúa chea, algúns din que é fillo da Lúa pero iso non o sabemos. Ten un amigo, «Pin», co que xoga sen parar. Un día un monstro cómese ás súas Estrelas e a Pin. Martes terá que enfrontarse aos seus medos para poder salvar ás Estrelas e ao seu amigo, para iso inicia unha viaxe máis aló do Sol e de camiño coñecerá divertidos e estraños personaxes.

Información sobre o espectáculo:

Martes é unha obra feita coa técnica coñecida como luz negra: unha iluminación especial fai posible que os manipuladores se manteñan ocultos á vista do público á vez que posúen liberdade absoluta para conducir os movementos dos monicreques, que parecen flotar ingrávidos como por encantamento.

Martes foi seleccionada na Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas 2015 (FETEN) e está recomendada pola Rede Española deTeatros, Auditorios, Circuítos e Festivais, a Rede Sarea do País Vasco e tamén forma parte do Catálogo Platea 2015.

Está recomendada para nenos e nenas de 2 a 7 anos, pero tamén para adultos dispostos a gozar como nen@s.